Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Ribeira aproba as tarifas reducidas do aparcadoiro do Centenario


No Pleno extraordinario celebrado hoxe, o Concello de Ribeira aprobou a Ordenanza Reguladora dos prezos públicos de prestación do servizo público de estacionamento de vehículos de aparcadoiro subterráneo municipal do Centenario, así como o regulamento de réxime Interno de dito aparcamento, tras a desestimación das alegacións presentadas polo Partido Popular.

A concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, destacou que as alegacións “presentadas no último momento polo Partido Popular, o único que fixeron foi retrasar que a veciñanza poida disfrutar dos prezos reducidos durante as datas do Nadal”. Ademáis, segundo explicou, a proposta económica do equipo de goberno “é un 26% máis barata que a proposta do PP.”
“Grazas ás tarifas que este goberno vai aprobar, Ribeira contará cun dos aparcadoiros máis baratos de toda a provincia da Coruña e o máis barato da Barbanza. Por 2 horas deestacionamento, cobrarase menos de 1,5€ e se consumimos no comercio local, haberá 30 minutos de desconto adicional.” explicou o concelleiro Xabier Vidal. “Facer un aparcadoiro de xestión privada no seu día foi unha decisión errada como se demostrou ao longo do tempo.” concluiu.

“Tivemos que convocar este Pleno extraordinario para desestimar unhas alegacións que o único que impedirían sería a rebaixa desas tarifas do Centenario durante un mes, sobre todo cando estamos en plena campaña de Nadal e seguidamente das rebaixas.” incidiu o alcalde Luís Pérez. “Tivo que chegar un goberno distinto para que poidamos paliar a falta de estacionamentos que a día de hoxe ten Ribeira e así o estamos a facer mediante a municipalización do Centenario pero tamén coa creación e mellora doutros estacionamentos disuasorios.”